Retrospectiva en 2018 a Ingmar Bergman polo seu centenario

  • A obra do máis recoñecido dos autores escandinavos poderá verse dende mañá e ata finais de ano, comezando por títulos como ‘Xogos de verán’, ‘Un verán con Mónica’ ou ‘Amorodos salvaxes‘ e continuando en maio coa célebre ‘O sétimo selo’
Retrospectiva en 2018 a Ingmar Bergman polo seu centenario

Dende mañá e ata finais de 2018 ofrecemos unha retrospectiva case completa do realizador sueco Ingmar Bergman para celebrar o centenario do seu nacemento. O máis recoñecido dos autores escandinavos conta cunha extensa filmografía na que figuran títulos esenciais da historia do cine como O sétimo selo ou Amorodos salvaxes.

Formado no teatro, cunha clara influencia de August Strindberg na súa obra, foi famoso polo seu coidado estilo visual e por destilar unha intensa dramaturxia na que destacan temas de carácter metafísico ou os seus profundos estudos dos estados da alma humana. Gañou o seu prestixio nos festivais europeos, sendo habitual de citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale. A Academia de Hollywood concedeulle o Oscar honorífico en 1971.

O ciclo do CGAI comeza mañá martes ás 20,30 h. con Xogos de verán, primeira parte da súa triloxía sobre o período estival, que segue con Un verán con Mónica (pases o 19 de abril) e Sorrisos dunha noite de verán (proxeccións o 24 de abril). Esta triloxía caracterízase, nas dúas primeiras entregas, por presentar historias dramáticas de amores mozos. Na última parte Bergman pasa á comedia de época, cun filme destacado pola crítica que lle valeu o seu primeiro galardón en Cannes e varias homenaxes posteriores; a máis coñecida, a que lle faría Woody Allen en A comedia sexual dunha noite de verán.

Unha icónica partida de xadrez

Logo destes filmes, o sueco entra nunha das súas etapas máis creativas, dirixindo en 1957 as que serán dúas das súas obras mestras: Amorodos salvaxes (pásase o 26 de abril), unha sorte de road-movie que conta a viaxe física e espiritual que un vello e reputado médico realiza coa súa nora; e O sétimo selo (no CGAI o 24 de maio), sobre un cruzado que volve a Terra Santa no século XIV para se enfrontar á morte nunha xa icónica partida de xadrez.

Estas dúas fitas inauguran a etapa de contido simbólico de Bergman, logo de varias centradas en boa parte no peso psicolóxico que soportan os seus personaxes. O soño, os desexos máis profundos da alma, o metafísico... O seu cine toma unha deriva existencial pola que será principalmente recordado o autor.

1957 é o seu ano. En febreiro gaña o premio da crítica por Amorodos salvaxes na Berlinale e en maio faise co premio especial do xurado por O sétimo selo en Cannes. O impacto internacional destas películas converte en estrela a Bibi Andersson, protagonista nas dúas logo de ter traballado xa con Bergman en Sorrisos dunha noite de verán.

Impresionante estilo visual

Outra das actrices-fetiche do autor será Liv Ullmann, quen en 1968 protagoniza dous filmes de clara expresión crítica de Bergman, ambos situados en illas nas que acontecen inquietantes sucesos. A hora do lobo (pases o 6 de xuño), en torno a unha parella que se ve atrapada por presenzas demoníacas, está hoxe considerado un dos cumios do terror psicolóxico, mentres que A vergoña (13 de xuño) adopta unha posición máis alegórica e de ataque directo á guerra de Vietnam.

Benefícianse as dúas da impresionante fotografía de Sven Nykvist, outro dos habituais colaboradores de Bergman, que dotou de peso visual a obra máis madura do director. Pode que a súa película máis coñecida sexa Persona, que reúne precisamente a Bibi Andersson e Liv Ullmann. Este filme programarao o CGAI á volta do verán, xunto con outros salientables títulos do director que se sucederán ata finais de 2018.