Abertas as convocatorias para Cinema en curso e Fotografía en curso ata o 28 de setembro

  • Son programas pedagóxicos dirixidos a alumnos de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, para achegarse ao cine e a fotografía como arte, cultura e creación
  • O alumnado descobre e valora a súa contorna a través do visionamento de referentes fotográficos e fílmicos e tamén da práctica fotográfica e a creación cinematográfica
  • Cineastas e fotógrafos traballan cos centros educativos seleccionados
Abertas as convocatorias para Cinema en curso e Fotografía en curso ata o 28 de setembro

Cinema en curso e Fotografía en curso son dous programas pedagóxicos internacionais da asociación A Bao A Qu e coordinados en Galicia dende o CGAI, que abren un ano máis as súas convocatorias a centros de primaria e secundaria. Ata o 28 de setembro, escolas e institutos poden solicitar participar nestes programas formativos que ao longo de todo o curso, en horario lectivo, traballan de xeito transversal co cine e a fotografía na aula.

Os programas desenvólvense coma un traballo integrado na dinámica das aulas e introducen novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe, situando os alumnos como protagonistas dos procesos, traballando de maneira transversal e globalizada, fomentando traballos cooperativos que integran a todo o alumnado e tomando como punto de partida situacións reais en base á aprendizaxe vivencial. Trabállanse especialmente as competencias lingüísticas e artísticas, a posta en valor da contorna, a observación e a atención, a autonomía e a organización individual e colectiva

Sobre esta base, confórmanse verdadeiros equipos de fotógrafos e cineastas que traballan de forma colectiva no proceso de creación dun proxecto fotográfico e dunha película. Ao longo de todo o curso escolar, profesionais do sector, con experiencia en pedagoxía, acompáñanos en todo o proceso de creación. O profesorado do centro tamén recibe unha formación especifica para traballar cos alumnos na aula os contidos do programa de xeito transversal e adaptándose ás súas necesidades.

Os destinatarios das convocatorias que se abren agora son centros de primaria e secundaria de toda Galicia que desexen participar, para o que se lles solicita a elaboración dunha memoria de proxecto que pode consultarse nas convocatorias:

Seleccionaranse un total de catro centros educativos en Cinema en curso e seis en Fotografía en curso, seguindo os criterios que figuran tamén nos enlaces.