O cine recuperado polo CGAI pode verse xa na nosa nova web

  • Estreamos web coa posibilidade de ver películas restauradas e dixitalizadas do noso arquivo, abríndoo así á cidadanía
  • Outras novidades son unha importante mellora no deseño e a navegación, a creación dun blog con noticias para contextualizar mellor as nosas actividades ou a posibilidade de deseñar os teus propios calendarios de sesións e inscribirte en cursos e seminarios
O cine recuperado polo CGAI pode verse xa na nosa nova web

Estreamos nova web. A principal novidade, alén dun deseño renovado e unha reestruturación integral que mellora a navegación, é a posibilidade de acceder a parte do arquivo do CGAI online. Deste xeito, procúrase democratizar o acceso ao patrimonio cinematográfico galego que atesoura a institución.

A web inaugúrase cunha selección de oito traballos recuperados e restaurados polo CGAI, aos que se irán sumando máis nos próximos meses, nun proceso de dixitalización do seu arquivo que a filmoteca acometerá ao longo do ano. Estas primeiras pezas teñen un carácter patrimonial e etnográfico en boa parte, centrándose na paisaxe e tradicións de Galicia.

Varias delas son produto das asociacións galegas en América Latina, tendo como obxectivo orixinal dar novidades da súa terra aos emigrados. É o caso de Galicia y Buenos Aires (José Gil, 1931) ou Un viaje por Galicia (Manuel Arís, 1958), que no seu momento constituíron unha sorte de cartas filmadas e hoxe permítennos coñecer a Galicia deses anos.

Outro dos importantes cineastas amadores que traballou neste eido foi Eligio González, o chamado “fotógrafo da colectividade”, do que o CGAI rescata Porriño en Buenos Aires (1942) e Imaxes de Castelao en Buenos Aires (1972), un importante documento que recolle a actividade do escritor na capital arxentina entre as décadas dos corenta e os setenta.

Completan esta escolma coa que se inicia a recuperación online do arquivo varios documentais dos anos vinte como Imaxes de Vigo e arredores (anónimo, 1926), Tintorería España (anónimo, 1927), Pontevedra, cuna de Colón (Enrique Barreiro, 1927) e Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda. (José Gil, 1928).

Un deseño renovado e novas funcionalidades

O deseño e desenvolvemento da web correu a cargo da cooperativa NUMAX, que ofrece aires renovados no visual e mellora a navegación considerablemente. Ademais do acceso ao arquivo, outra das principais novidades é este blog de novas que estás a ler, que nos permitirá contextualizar mellor as actividades que se desenvolven no centro e recibir un boletín se se desexa.

Esta é só unha das funcionalidades que permitirá o rexistro de usuarios, quen tamén poderán inscribirse en cursos e seminarios de forma automatizada a través deste sistema ou crear o seu propio calendario de sesións.