Ir o contido principal

Estreamos o último do referencial cineasta de vangarda Nathaniel Dorsky

  • Arboretum Cycle é un compendio de sete pezas que captan o paso das estacións na natureza, representando as etapas da vida
  • Logo de gañar o premio Jean Vigo no festival Punto de Vista con Elohim, Dorsky mostra por primeira vez en España a serie completa no CGAI
Estreamos o último do referencial cineasta de vangarda Nathaniel Dorsky

Nathaniel Dorsky non é un descoñecido do CGAI. Logo de visitar A Coruña convidado polo (S8) Mostra de Cinema Periférico en 2011, acompañounos tamén na presentación do seu libro Devotional Cinema en 2013 e a filmoteca pasa a miúdo as súas pezas na sección Desencadres. Nado en Nova York, comezou a facer cine en 1963, actividade que desenvolve en San Francisco dende 1971. A súa obra, caracterizada por unha contemplación poética da paisaxe natural e urbana que o rodea, mostrada á velocidade sagrada – unha das do cine silente, a 18 fotogramas por segundo –, confire á súa filmografía unha singular aproximación.

El mesmo define o cine como dividido en dúas clases: “no cine, hai dúas formas de incluír os seres humanos. Unha é retratalos. A outra é crear unha forma fílmica que, en si mesma, conteña todas as cualidades do ser humano: tenrura, observación, medo, relaxación, a sensación de vir ao mundo e abandonalo, expansión, contracción, cambio, depuración, tenrura no corazón. A primeira é unha forma de teatro e, esta última, unha forma de poesía”. El, evidentemente, practica a segunda.

Esta fe inquebrantable na natureza lírica do cine levouno a exhibir as súas pezas en espazos de referencia coma o MoMA de Nova York, o Pompidou, a Tate Modern ou Filmoteca Española, ademais de formar parte da bienal do Whitney en 2012, entre outros recoñecementos. Tamén é coñecido polo seu libro Devotional Cinema, no que desenvolve toda a súa teoría en torno a esta capacidade do cinematógrafo como ferramenta artística lírica para transmitir o sacro a través da captación da luz. A asociación Lumière traduciuno ao español e pódese adquirir nas librarías que aínda conten con stock.

O pase este venres no CGAI de Arboretum Cycle, a súa última película, supón a estrea española da mesma. Trátase dun ciclo de sete pezas, que agora xa só mostra coa serie completa – unha delas, Elohim, gañou este ano o premio Jean Vigo no festival Punto de Vista –, filmadas ao longo dun ano moi preto da súa vivenda en San Francisco, no arboretum do Golden Gate Park. Logo dun período longo de extrema seca en California, 2017 foi por fin un ano de “treboadas e líquidos refrixerios”. Explica Dorsky que “era o momento de facer unha película sobre un tema simple e que ese sería a luz – non os obxectos, senón a sacralidade da luz en si mesma neste espléndido xardín”.

O cineasta capta así o paso das estacións na natureza, con todas as variedades lumínicas que se dan ao longo dese ano e inmortalizando o ciclo natural, coas follas cambiando de cor e elementos como a chuvia, a néboa ou o sol provocando os seus efectos nas plantas filmadas. Supón ademais unha reflexión sobre o propio ciclo vital do ser humano, coas etapas da nenez, a mocidade, a madureza, a idade adulta e a morte representadas neste conxunto de pezas.