Adam Curtis proxecta dende este xoves unha filmografía que explica a Era Trump

  • A sesión de apertura do programa, protagonizada polo seu filme ‘HyperNormalisation’, estará presentada polo xornalista galego Miguel Anxo Murado
  • Cunha carreira na BBC que comezou a inicios dos noventa, Curtis é famoso pola súa agudeza á hora de examinar o contexto político occidental na actualidade e indagar en torno a como funcionan os mecanismos do poder
  • O ciclo organízase dende o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía no marco dun convenio de colaboración
Adam Curtis proxecta dende este xoves unha filmografía que explica a Era Trump

Acollemos dende este xoves e ata o mes de maio unha retrospectiva case integral do cineasta británico Adam Curtis, coñecido polo tratamento do poder político e dos seus axentes. O extenso ciclo componse de 32 pezas, algunha delas inédita, e todas remasterizadas en novas versións para este programa.

A actividade está organizada dende o Museo Reina Sofía co apoio do CGAI, no marco dun convenio de colaboración. En palabras do seu comisario, Chema González, Adam Curtis “obstínase dende comezos da década de 1990 en mostrar o funcionamento do poder, a súa sinuosa arquitectura, as ideas que o conforman, os seus axentes e institucións e a súa inscrición na xeopolítica contemporánea e en nós mesmos”, construíndo non só “unha das obras fílmicas máis apaixonantes, lúcidas e reveladoras dos tempos recentes, senón unha verdadeira historia natural do noso presente”.

O comezo de HyperNormalisation, co que se inicia o ciclo este xoves ás 19,00 h., contén unha reflexión do propio Curtis que en boa medida define esta constante na súa obra: “Vivimos nun tempo estraño. Non deixan de acontecer eventos imprevisibles que sacoden a estabilidade do noso mundo: atentados suicidas, vagas de refuxiados, Donald Trump, Vladimir Putin, mesmo o Brexit. Mais os que están ao mando semellan incapaces de afrontalos e ninguén ten unha visión dun futuro diferente ou mellor. Esta película narra a historia de como chegamos a este lugar estraño”.

Análise a cargo de Miguel Anxo Murado

Para comprender mellor este contexto e a forma que Curtis ten de traballar, o xornalista galego Miguel Anxo Murado ofrecerá este xoves unha introdución a HyperNormalisation. O escritor, entusiasta da filmografía do inglés, que coñece a fondo, indagará en todos os detalles desta poliédrica obra, que os espectadores do CGAI poderán ver en 12 sesións ao longo de dous meses.

Co foco na política, tratouna desde distintos prismas e cunha gran diversidade de intereses. O comisario da retrospectiva, Chema González enumera, entre estas perspectivas, o escrutinio dunha nova cultura narcisista do eu, a súa relación coa contracultura da década de 1960 e co nacemento da Internet e das redes tecnolóxicas, ou a imposibilidade das elites políticas, fronte a un abstracto poder financeiro global, de dirixir o mundo dende a Guerra Fría. “E, como relatos subxacentes, a crise da representación, o uso do desexo irracional de consumo das masas, as novas formas de control social, a arquitectura dunha nova orde mundial, os efectos da pospolítica como goberno, e as consecuencias da chamada posverdade como criterio de comunicación pública”, engade.