A proxección de 'Dhogs' abre mañá o ciclo dedicado aos Mestre Mateo

  • Tras a sesión dedicada á opera prima de Andrés Goteira, o programa continuará o mércores con ‘Matria’, ‘Neverending Wall’, ‘Troubled Times’ e ‘A batalla descoñecida’ e o venres cun episodio de ‘Serramoura’ e a webserie ‘Peter Brandon’
A proxección de 'Dhogs' abre mañá o ciclo dedicado aos Mestre Mateo

Os traballos galardoados na pasada edición dos Premios Mestre Mateo protagonizan a programación desta semana. O ciclo, que arranca mañá ás 20,30 h. coa proxección de Dhogs, está organizado pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) co apoio da Agadic.

Este programa especial foi presentado hoxe na filmoteca galega nun acto ao que asistiron os directores da Agadic, Jacobo Sutil, e do CGAI, Guillermo Escrigas, así como Olga Osorio, da Academia Galega do Audiovisual, e os representantes dos equipos dalgúns dos traballos que se pasarán neste especial.

Para o director da Agadic, esta iniciativa supón “o colofón idóneo que perfecciona dalgunha maneira o período de promoción dos títulos premiados e que ofrece unha excelente oportunidade de tomarlle o pulso ao que foi considerado o máis salientable da produción galega de 2017 polo propio colectivo profesional que outorga estes recoñecementos”.

Película de récords

Dhogs abrirá o ciclo en calidade de premio á mellor longametraxe, unha das 13 estatuíñas que acadou o pasado 3 de marzo na gala de entrega celebrada na Coruña, converténdose así no filme máis galardoado nos dezaseis anos de historia dos Mestre Mateo. Como explicou Sutil, a súa exhibición no CGAI coincide no tempo coa súa chegada ao gran público en diferentes salas galegas.

Na dobre sesión do mércores, exhibiranse en primeiro lugar (18,00 h.) os tres títulos gañadores das categorías de mellor curtametraxe en imaxe real, curta de animación e videoclip: Matria, coa que Álvaro Gago tamén foi premiado en Sundance; Neverending Wall, de Silvia Carpizo con produción da compañía galega Abano; e Trouble Times, vídeo musical realizado por Manu Viqueira para a banda norteamericana Green Day. A continuación (20,30 h.) será a quenda de A batalla descoñecida, filme co que Paula Cons obtivo o Mestre Mateo a mellor documental.

A terceira cita cos premios da Academia Galega do Audiovisual terá lugar o venres 18 de maio, tamén en dobre sesión. Esta comezará ás 18,00 h. coa exhibición do capítulo 89 de Serramoura, mellor serie de televisión, e continuará ás 20,30 h. coa webserie Peter Brandon, dirixida por Jorge Boquete.

A programación coincide, así mesmo, coa celebración do Día das Letras Galegas, que o CGAI conmemora cunha semana dedicada en exclusiva ao audiovisual galego e que, ademais do ciclo da AGA, inclúe a proxección do sábado 18, ás 18,00 h, do documental Reivindicando a María Victoria Moreno, de Gonzalo E. Veloso.