A Filmoteca de Galicia inicia en abril un ciclo sobre o doumentalista alemán Peter Nestler

  • A nova carteleira da Sala José Sellier da Coruña inclúe os dous primeiros filmes desta retrospectiva, ao tempo que avanza na dedicada á cineasta xaponesa Kinuyo Tanaka e remata as da húngara Márta Mészáros e o iraniano Abbas Kiarostami
  • A cinemateca da Xunta acollerá o 15 de abril a xornada Corten Galicia no marco do programa interautonómico de colaboración para a difusión de curtametraxes, no que tamén participan Asturias, Cantabria, Navarra e Euskadi
A Filmoteca de Galicia inicia en abril un ciclo sobre o doumentalista alemán Peter Nestler

A Coruña, 31 de marzo de 2023. A Filmoteca de Galicia inicia mañá a súa programación de abril, na que destacan as dúas primeiras sesións da retrospectiva que lle dedicará ata maio ao documentalista alemán Peter Nestler. Ao tempo, a cinemateca da Xunta avanzará no ciclo sobre a cineasta xaponesa Kinuyo Tanaka e poralle fin a outros dous especiais que vén desenvolvendo nos últimos meses sobre o iraniano Abbas Kiarostami e a húngara Márta Mészáros.

A escolma Achéganse outros tempos: os filmes de Peter Nestler chega á Sala José Sellier da Coruña en colaboración co Festival Punto de Vista de Pamplona e outras filmotecas españolas. Concibido como unha introdución á obra do cineasta xermano, este especial está integrado por 17 das súas máis de 60 películas, moitas das cales codirixiu coa súa muller, Zsóka Nestler, e con outros realizadores. As súas proxeccións, agrupadas tematicamente arredor de sete programas, arrancarán os vindeiros días 25 e 28.

Triloxía autobiográfica

A nova carteleira dá comezo mañá sábado, ás 18,00 h., con Diario para mis hijos (1984), primeiro filme da triloxía coa que a Filmoteca conclúe o ciclo sobre Márta Mészáros. Xunto con este filme, do que haberá un segundo pase o martes día 4, exhibiranse Diario para mis amores (1987) os días 5 e 11 e Diario para mis padres (1990) os días 12 e 13, todos eles de marcadas tinturas autobiográficas e a través dos que a directora reconstrúe a Hungría dos anos corenta e cincuenta do século pasado.

Tamén en abril remata a ampla retrospectiva de Abbas Kiarostami coas súas últimas sete películas. A cinemateca percorrerá así a súa etapa máis vangardista con obras como Ten (días 18 e 19), Five. Dedicated to Ozu (día 21) ou Shirin (día 20), esta última a máis marcadamente experimental na súa filmografía. Tras este período, a partir de 2010 Kiarostami regresa á narración máis clásica con Copia certificada (días 26 e 27) e Like Someone in Love (días 28 e 29), ambas rodadas en Italia e Xapón, respectivamente.

Xapón estará tamén representado nesta carteleira da man de Kinuyo Tanaka e a proxección doutras tres das seis fitas que dirixiu esta actriz, unha das máis prolíficas e populares na historia do cinema do seu país: The Moon Has Risen (5 e 11 de abril), The Wandering Princess (días 13 e 14) e Girls of The Night (días 19 e 20). A Filmoteca tamén lle ofrece ao público a oportunidade de gozar dunha das súas interpretacións para o realizador Yasujiro Ozu en Las Hermanas Munekata (días 21 e 25), coincidindo precisamente coa programación do filme que Kiarostami lle dedicou a este influente director xaponés.

Difusión de ‘Shorts from Galicia’

Ademais destes catro ciclos, a sede da cinemateca acollerá o sábado 15 a xornada Corten Galicia no marco do Programa Corten, rede para a promoción e circulación dos catálogos autonómicos de curtametraxes na que a Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e Euskadi.

Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Málaga, en Bilbao e en Santander, o programa chegará á Coruña cun evento no que se proxectarán catro das curtas do catálogo galego e unha escolma dos das outras comunidades, ademais de ofrecer varias citas formativas sobre as liñas de subvencións para este formato, o salto da curta á longametraxe da man do ilustrador e cineasta Alberto Vázquez ou a confección dun calendario de financiamento coa produtora Nati Juncal.

A carteleira de abril complétase coa sesión mensual de Filmoteca Junior, que o día 22 ofrece a produción francesa en stop-motion ¡Buenos días, mundo!, así como con dous documentais dentro da sección Off Galicia: a curta García de Galiza. O fillo da traizón, que será presentada o día 14 polo seu director, Manuel Cráneo, e O aparecido, por José Antonio Jiménez e Fran Naveira o día 26. Tamén de autoría galega é Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, que poderá verse o día 11 dentro do apartado Banda á parte.

A programación completa pode consultarse na web da Filmoteca de Galicia.