El séptimo vicio de Radio 3 entrevista este xoves no CGAI a Jaione Camborda Coll

  • A realizadora vén de terminar en Mondoñedo a rodaxe do seu filme Arima, protagonizado por Melania Cruz e Mabel Rivera entre outras
  • O programa emítese en directo dende a sala do CGAI ás 20 horas e contará ademais co acompañamento musical do EjazzCuarteto
El séptimo vicio de Radio 3 entrevista este xoves no CGAI a Jaione Camborda Coll

Como vén sendo habitual dende o pasado ano, o xornalista de Radio 3 Javier Tolentino achégase ao CGAI cada dous meses para realizar en directo dende a filmoteca o seu programa El séptimo vicio. As emisións están centradas en encontros con cineastas galegos nesta temporada, téndonos xa visitado en anteriores ocasións Lois Patiño e Xacio Baño, que se preparan para estrear novas longametraxes nos próximos meses. É a quenda nesta ocasión de Jaione Camborda Coll, quen vén de terminar en Mondoñedo a rodaxe do seu filme Arima.

Protagonizada por Melania Cruz e Mabel Rivera, nun elenco que conta tamén con Rosa Purga, Nagore Arias ou Iria Parada, a película defínese coma “un thriller psicolóxico dirixido, producido e protagonizado por mulleres”. Cada unha destas mulleres representa unha peza dunha identidade fragmentada na que se cuestiona a percepción da realidade. Con estes vimbios que beben de cineastas como Ingmar Bergman ou David Lynch e que na atmosfera puideran recordar tamén a Andrei Tarkovski, constrúese un tenso filme en torno a unha caza: a dun home sobre outro home, nunha vila con laberínticas canles e espazos oníricos que se moven entre o pesadelo e o soño. En torno a eles, unha serie de mulleres que nos dan as pistas para desentrañar o misterio.

Camborda Coll chega a esta ópera prima logo de dirixir varias curtametraxes como Proba de axilidade (2015) ou Rapa das bestas (2017), que obtiveron diversos recoñecementos en festivais internacionais. Ten tamén exercido de guionista en producións coma Os fenómenos (Alfonso Zarauza, 2014) e de directora de arte en outras coma Encallados (Alfonso Zarauza, 2013) e Las altas presiones (Ángel Santos, 2014).

Música de jazz e novos cinéfilos completan o programa

A emisión contará co acompañamento musical en directo do EjazzCuarteto. Banda composta por catro mulleres (Betty Queiro, Marga Ramos, Ángeles Dorrio e Carmen Rey), o seu moi persoal jazz vocal, cunha proposta acústica arriscada na que non usan instrumentos e que toma arranxos prestados da tradición folclórica galega, valeulles premios coma o Martin Códax en 2017 na categoría de coros e grupos vocais.

Tamén nos acompañarán no programa unha ducia de alumnos do C.P.I. Plurilingüe Fonte Díaz de Touro. Alí, o profesor Paco Yáñez leva a cabo actividades didácticas cos rapaces partindo de películas coma El espíritu de la colmena, de Víctor Erice, quen nos puxo sobre aviso desta iniciativa. No obradoiro non se esquecen tampouco do cine que se está a facer en Galicia actualmente, téndolle prestado especial atención ao Novo Cinema Galego. Así, creadora e alumnos poderán coñecerse e debater neste programa, con entrada libre na nosa sala ata completar as prazas.