
FKM 2019. Festival de Cinema Fantástico da Coruña
Do 15 de outubro de 2019 ao 19 de outubro de 2019
O FKM Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña celebra este ano a súa 11ª edición. FKM naceu debido á necesidade de crear un evento dedicado aos xéneros cinematográficos do fantástico, do terror e da ciencia ficción, non só no marco da cidade da Coruña, tamén en Galicia. O Festival FKM está a encher un oco dentro do audiovisual e a se constituír coma o primeiro Festival de xénero de Galicia. O FKM ofrece unha coidada escolma de longametraxes e curtametraxes de amplo percorrido polos mellores festivais do mundo e detén o seu foco nomeadamente nas producións galegas.
Este ano o FKM presenta no CGAI o Concurso Internacional de Longametraxes e o Concurso Internacional de Curtametraxes, en que participan as mellores producións nacionais e internacionais de xénero fantástico de 2018 e 2019. Por outra banda, a sección SEN LÍMITES presenta unha escolla de curtametraxes fóra de concurso, que debido á súa gran calidade artística non queriamos deixar á marxe do Festival. E na sección MADE-IN-GALICIA, adicada a producións galegas, presentamos fóra de concurso Las Brujas de E'lente (2018), primeira película do ourensán Simón Vázquez, de xénero fantástico, financiada por crowdfunding e rodada en Ourense.
Caracterizado polas súas edicións temáticas, nesta ocasión o festival centrarase nas UTOPÍAS E DISTOPÍAS, e renderá homenaxe ao cineasta canadense David Cronenberg, no 50º aniversario da súa primeira longametraxe, Stereo (Tile 3B of a CAEE Educational Mosaic), que será presentada por Alberto Ruiz de Samaniego (UVIGO), doutor en Filosofía e magister en Estética e Teoría das Artes.
David Cronenberg (Toronto, 15 de marzo de 1943) é un dos principais expoñentes do que se denominou “body horror”, que explora os medos humanos perante a transformación física e a infección. Inaugura e abandeira o concepto da "nova carne", ao tempo que elimina as fronteiras entre o mecánico e o orgánico. Nas súas películas, usualmente mestúrase o psicolóxico co físico, aínda que o seu traballo hai tempo que se estendeu máis aló dos xéneros fantástico e de ciencia ficción. Cabo de John Carpenter e Wes Craven chegóuselle a considerar dentro do grupo denominado "as tres C" do cinema de horror contemporáneo.
Stereo é a súa primeira longametraxe, rodada en 35 milímetros, vangardista, preciosista e purista, sobre todo en relación á súa planificación estética, espacial, narrativa e intencional. Stereo é unha peza de vangarda moi pouco coñecida e valorada, onde sobrancean os elementos arquitectónicos coidadosamente escolleitos, os movementos de cámara, a distancia, o uso de planos detidamente encadrados e nivelados, e aínda así rodados de tal maneira que deixan lugar ao estrañamento.

Fuel

Flesh City

Atacama

Blood Machines

Stereo (Tile 3B of a CAEE Educational Mosaic)

Concurso Internacional de Curtametraxes (1ª Sesión)

Concurso Internacional de Curtametraxes (2ª Sesión)
