Os filmes premiados nos Mestre Mateo e ciclos de Rohmer e Rousseau centran a carteleira de maio na Filmoteca de Galicia

  • Ao longo do mes poderán verse as longametraxes galegas ‘Ons’ e ‘Nación’, a webserie ‘Xan’ ou curta ‘Xoves de Comadres’ 
  • Haberá varios coloquios sobre as películas proxectadas e continúan as exhibicións nos ciclos Fóra de serie e Desencadres
Os filmes premiados nos Mestre Mateo e ciclos de Rohmer e Rousseau centran a carteleira de maio na Filmoteca de Galicia

A Filmoteca de Galicia centra a programación de maio nos filmes galardoados nos Premios Mestre Mateo, outorgados a comezos do pasado abril, así como nos novos ciclos Esenciais: Eric Rohmer, e Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas. Asemade, neste mes, o primeiro que se desenvolve baixo a nova denominación oficial desta entidade da Xunta, continúan exhibíndose outros títulos dentro dos apartados Fóra se serie e Desencadres, así como a Filmoteca Júnior. Todas as sesións terán lugar na sala recentemente bautizada co nome de José Sellier, en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia.

Así, e grazas á colaboración emprendida coa Academia Galega do Audiovisual (AGA), o público terá ocasión de ver, o 20 de maio, o filme máis galardoado nos Premios Mestre Mateo, Ons, de Alfonso Zarauza, merecente de nove recoñecementos, entre eles o de mellor película. O día 21, exhibirase de novo Nación, de Margarita Ledo Andión, premiado como mellor documental e que foi preestreado na Filmoteca de Galicia en marzo. O sábado 22 será a quenda de Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, e de Carne, de Camila Kater, gañadoras como mellor curtametraxe de imaxe real e de animación, respectivamente. Nesta mesma xornada poderá verse a galardoada como mellor webserie, Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo.

 

Oito filmes restaurados de Rohmer

Pola súa banda, o ciclo Esenciais: Eric Rohmer componse de oito títulos do cineasta e crítico francés nado en 1920 e finado en 2010. Trátase de filmes restaurados con motivo do centenario do máis vello dos membros da Nouvelle Vague e editor da publicación Cahiers du Cinema. Ao longo de maio poderán verse Mi noche con Maud, nominada a dous Oscar e singular amalgama de debate católico e verbalización da complexidade das relacións sexuais, os días 5 e 6, e La rodilla de Clara, símbolo dun cine que suma sensibilidade, capacidade emotiva, sutileza e ironía, o día 12. Ambas películas están integradas na primeira saga da obra de Rohmer, os Contos Morais.

Tamén forman parte da programación do mes o vodevil amoroso Pauline en la playa, premiada en Berlín, prevista para o día 19, e El rayo verde, León de Ouro en Venecia a un relato de poesía e naturalidade onde o autor renova mecanismos, que es exhibirá os días 25 e 26.

 

Todo o rodado en Super-8 por J.C. Rousseau

O ciclo Jean-Claude Rousseau: A luz reflectida a través das cousas representa a primeira mostra integral das películas en Super-8 do cineasta francés. Trátase de cinco filmes nos que asimilou con radicalidade as propiedades do formato para imprimir unha sensualidade ascética á filmación, a sonorización e a ensamblaxe dos seus cartuchos Kodachrome. 

O día 27 será a proxección de Venise n’existe pas, Keep in touch, Jeune femme à sa fenêtre lisant une lettre e Les antiquités de Rome, e, o 28, de La Vallée Close. As dúas sesións completaranse cunha presentación e coloquio nos que participará o propio autor, Rousseau, e os comisarios deste ciclo itinerante, Carlos Saldaña e Francisco Algarín.

 

Ciclos en continuidade

Ademais, en maio continúan as proxeccións enmarcadas nos apartados Fóra de serie e Desencadres. Dentro do primeiro, o martes 4 exhibirase Vídeo Blues, de Emma Tusell, seguido dun coloquio virtual coa directora e, o venres 7, Ven y mira, de Elem Klimov. Completan a programación Josep, de Aurel, o día 11, e Lux AEterna, de Gaspar Noé, o 18.

Desencadres inclúe proxeccións de cine experimental arxentino, os días 13 e 14, e  o filme Dog star man, de Stan Brakhage, o 15. Na Filmoteca Júnior poderá verse o día 8 ¡Lumière! Comienza la aventura, de Thierry Fremaux.

Finalmente, o 29 de maio terá lugar a primeira das sesións no marco da (S8) XII Mostra Internacional de Cinema Periférico.