O mellor cine español da temporada recala no CGAI

  • Meritxell Colell imparte clase maxistral nun programa que inclúe unha selección de 10 títulos do máis representativo que deu a nosa cinematografía nos últimos meses
  • Visitarán a filmoteca para presentar os seus filmes o gañador da Concha de Ouro Isaki Lacuesta e o multipremiado realizador galego Eloy Domínguez Serén
O mellor cine español da temporada recala no CGAI

Iniciamos mañá o tradicional ciclo 'Banda á parte'. Nel reunimos dez destacados títulos de cine español independente que marcaron a temporada de 2018, facendo así un repaso ao ano que vén de pasar. Cómpre destacar a presenza nalgúns destes pases dos creadores das cintas, que neste ano se concreta nas visitas ao CGAI de Meritxell Colell, Isaki Lacuesta e Eloy Domínguez Serén.

A primeira delas ofrecerá unha clase maxistral, de balde, o vindeiro 31 de xaneiro, baixo o título 'Do persoal ao colectivo. A reescritura constante. Referentes, procesos e materiais de creación'. Isto dá unha idea de como creou Con el viento, historia intimista na que unha bailarina volve á súa vila nun Burgos rural tras anos fóra e axuda a súa nai a poñer a casa familiar en venda tras a morte do pai. O drama, que parte de aspectos persoais, filmouse cun guión flexible no que as actrices interviñan durante a rodaxe. Esta metodoloxía achega á película unha frescura que foi aplaudida na Berlinale, onde foi presentada, e que lle valeu a Biznaga ao mellor filme en Málaga, entre outros galardóns.

A que quizais sexa a máxima distinción en festivais españois, a Concha de Ouro de San Sebastián, recaeu este ano en Entre dos aguas, de Isaki Lacuesta, continuación doce anos despois de La leyenda del tiempo. Pasamos os dous filmes e convidamos o realizador a comentalos co público o 5 de febreiro. Neles, cóntase o día a día de dous xitanos que intentan saír adiante na comunidade da Isla de San Fernando na que viven. Contando con actores non profesionais, nenos na orixinal, agora xa adultos, Lacuesta ofrece un retrato realista que renova e refresca o cine social.

O último dos realizadores que veñen presentar o seu filme é o galego Eloy Domínguez Serén o 15 de febreiro, que coa súa ópera prima Hamada está a obter galardóns de cineasta novel en festivais coma Xixón ou o Porto/Post/Doc. Documental rodado ao longo de varios anos de convivencia nunha comunidade saharauí, toma coma pretexto a figura dos automóbiles coma elemento que move a economía dos campamentos para retratar as vidas dun grupo de mozos, as súas esperanzas e anhelos.

O ciclo estenderase ata o 15 de febreiro e comeza este martes 22 de xaneiro cunha sesión dupla, na que se proxectan Aliens, de Luis López Carrasco, e El viaje a Kioto, de Pablo Llorca. Poderanse ver tamén Niñato, de Adrián Orr; El silencio de otros, de Robert Bahar e Almudena Carracedo; Viaje al cuarto de una madre, de Celia Rico; e Mudar la piel, de Ana Schulz e Cristóbal Fernández.