O escritor César Antonio Molina enxalza o sentimento amoroso a través do ciclo 'Tan poderoso coma o amor'

  • O programa inclúe 11 títulos nos que se analiza desde unha perspectiva filosófica como a sétima arte tratou os designios do corazón
  • A primeira sesión, presentada polo propio autor, terá lugar este martes 19 de febreiro co clásico La sirena del Mississippi, do mítico director francés da Nouvelle Vague François Truffaut
O escritor César Antonio Molina enxalza o sentimento amoroso a través do ciclo 'Tan poderoso coma o amor'

Poñémonos amorosos dende este martes co ciclo 'Tan poderoso coma o amor', titulado coma o libro que o escritor coruñés César Antonio Molina acaba de publicar no selo Destino. Este volume afonda no sentimento amoroso a través dunha escolma de cen clásicos do cine mundial que van desde Camille (1921), de Ray C. Smallwood, ata La correspondencia (2016), de Giuseppe Tornatore, e que lle serven ao seu autor para reflexionar sobre o amor en clave filosófica, analizando como a sétima arte tratou o tema practicamente desde o seu nacemento.

Con tal motivo, o escritor e os programadores da filmoteca galega seleccionamos os 11 títulos deste programa cinematográfico, con copias aínda non exhibidas na nosa sala e outras que contan con recentes restauracións.

 

Presentación polo propio autor

O ciclo comeza así o martes con La sirena del Mississippi, de François Truffaut, que será presentada polo propio César Antonio Molina. As portas do CGAI abriranse ás 20,00 h. para escoitar a súa reflexión arredor deste filme e da relación entre os seus protagonistas, que explica no libro citando a Safo: “Foi Safo quen xa falou primeiro de Eros como algo doce e amargo; ou algo xélido, xeado, como en Sófocles (Os amantes de Aquiles), que tamén queima. Amor (Louis) e odio (Marion)”.

Neste ton continúa co resto das cintas incluídas no ciclo, no que hai unha notable presenza de cine clásico hollywoodiano. Así, o tema da femme fatale é abordado en Perdición, de Billy Wilder (27 de febreiro), figura que Molina compara coa demonoloxía xudia, encarnándoa en Lilit. E paixón similar pode atoparse en Amanecer, de F.W. Murnau (20 de febreiro). O escritor di estar namorado de Marlene Dietrich en Ángel, de Ersnt Lubitsch (21 de febreiro), todo un mito fílmico “ligado á forza embelesadora e arrebatadora da propia imaxe cinematográfica”. Pero en troques de muller sedutora, neste caso trátase máis ben dunha muller liberada, ou dunha que intenta selo.

Mais o cine moderno tamén se abre paso nesta selección, con Pier Paolo Pasolini pechando o mes coa súa adaptación de Edipo Rey (28 de febreiro), do que Molina remarca o poso freudiano do mito na versión do italiano. Marzo comezará con Breve encuentro, de David Lean, onde se indaga entre a relación entre amor e desexo, e continuará cun dos grandes clásicos do cine español, El sur, de Víctor Erice. Sobre ela, incide na punzada deses amores que habitan nos recordos e que parecen vivir suspendidos no tempo, agarrotándonos como persoas, non permitíndonos avanzar.

 

Triloxía de Richard Linklater en marzo

O paso do tempo é un dos grandes temas de Tan poderoso como el amor. O libro trátao especialmente ben coa triloxía de Richard Linklater composta por Antes del amanecer (1995), Antes del atardecer (2004) e Antes del anochecer (2013). En cada capítulo, separado por nove anos, o director americano preséntanos un momento moi preciso na vida dunha parella, dende que se coñecen ata, cando xa maduros, teñen fillos e unha crise.

É unha estratexia similar á que executara Ingmar Bergman con Secretos de un matrimonio (1973) e Saraband (2003), só que aquí o tempo que pasaba eran tres décadas. Logo de proxectar a versión televisiva completa da primeira recentemente, o CGAI completará este ciclo con Saraband, tamén incluída no libro de César Antonio Molina.