O Día da Muller marca o inicio de marzo

  • O ciclo 'Olladas de muller', organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, presenta un total de 17 filmes entre os días 1 e 13
  • A nova programación bimestral inclúe especiais sobre Adam Curtis ou Thom Andersen e inicia unha retrospectiva de Ingmar Bergman no centenario do seu nacemento
O Día da Muller marca o inicio de marzo

Iniciamos a nosa programación de marzo e abril co ciclo Olladas de muller, destinado a celebrar o 8 de marzo a prol da igualdade. Organizado xunto ao Consello da Cultura Galega como nos últimos anos, a selección inclúe un total de 17 títulos que se proxectarán entre os días 1 e 13 de marzo.

A meirande parte deles son producións recentes que reflexionan sobre as situacións de desigualdade que vive a muller. O programa ábrese con Alanis (1 de marzo), unha das sensacións do último festival de San Sebastián, con premios á mellor dirección e actriz, na que a arxentina Anahí Berneri presenta o día a día dunha traballadora sexual que intenta abrirse paso na vida cun fillo pequeno.

A violencia machista é outro dos temas da selección, con películas como Llueven vacas (día 7), na que intérpretes como Maribel Verdú ou Laia Marull lle poñen rostro ás mulleres que sofren ese maltrato.

Apoio ao cine galego

Na escolma figuran varios filmes galegos como Matria, de Álvaro Gago, un dos títulos da temporada e gañador do gran premio do xurado no prestixioso festival de Sundance. A historia segue unha muller que traballa nunha fábrica de conservas nas Rías Baixas, onde está sometida a unha importante presión e a duras condicións laborais mentres ocupa o resto da súa xornada en atender a casa. O director presentará a peza o 10 de marzo xunto a Palmira, película de Diana Gonçalves na que traballou como montador.

Case todas as realizadoras galegas do ciclo introducirán as súas sesións, como Iria Silvosa o día 7 (Atisbos) e Beatriz del Monte (Pois iso, que te quero) e Carmen Bellas (Una vez fuimos salvajes) o día 9. Ademais, haberá un subapartado dedicado á artista feminista austríaca Valie Export, con tres sesións que se organizan xunto ao Festival Internacional de Cine de Xixón.

Retrospectivas a autores consagrados

O novo programa bimestral tamén estará marcado por tres amplos ciclos a cineastas de renome. A colaboración habitual co Museo Reina Sofía trae á Coruña unha retrospectiva integral do británico Adam Curtis. Todas as copias están revisadas polo cineasta, varias delas remasterizadas para a ocasión e ata cun título inédito nunca antes visto.

Prestixioso xornalista da BBC, é famoso polos seus documentais de marcado carácter político, nos que ten tratado temas coma o xurdimento da ideoloxía islamista e o seu impacto na xeopolítica mundial, o berce na psicanálise das estratexias do capitalismo para vendermos a felicidade a través do consumo ou, máis recentemente, o terremoto político que supón a chegada de Donald Trump ao poder nos Estados Unidos.

Mais Curtis é só un dos primeiros popes do cine contemporáneo que proxectan os seus filmes no CGAI na carteleira de marzo-abril. Dedícaselle outra retrospectiva integral a Thom Andersen, coñecido sobre todo polo seu documental Los Angeles Plays Itself (11 de abril), no que dá unha imaxe realista da cidade usando treitos de varios filmes, en contraposición á habitual construción ficticia de Hollywood. A súa obra completa poderá verse entre os días 4 e 12 de abril.

Xa no eido da ficción, o centenario do nacemento de Ingmar Bergman permítelle á Filmoteca de Galicia ofrecer unha longa retrospectiva súa ao longo de varios meses, que se inicia o 17 de abril coa súa triloxía do verán e máis con Amorodos salvaxes. Son só os catro primeiros títulos dun extenso ciclo que ocupará boa parte do 2018.

Constantes para un cine diverso

Xunto a estes ciclos, as seccións fixas do CGAI ofrecen unha programación moi diversa. Fóra de serie trae os títulos recentes de cine de autor aínda inéditos nas salas coruñesas, como poden ser as últimas fitas do recoñecido surcoreano Hong Sang-soo ou a película Zama, de Lucrecia Martel (21 de marzo).

A aposta do CGAI polo cine experimental pode apreciarse na habitual sesión sobre Stan Brakhage no apartado Desencadres, que combina ademais co ciclo Correspondencias, en colaboración co festival Punto de Vista.

A defensa do cine galego é outra das súas constantes, con sesións en Off Galicia dedicadas a Juan de la Colina, á webserie Orfanato atroz e á xeración dos Novísimos, conxunto de cineastas nados nos anos noventa que están a dar as súas primeiras mostras de talento.

Amais, a nova sección Pensando en cine / Pensando en Galicia, coordinada e presentada por Antón Reixa, trae desta volta ao líder de Siniestro Total Julián Hernández, quen falará da súa participación como actor e músico no filme galego de culto La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos (24 de marzo).

Nesta liña de apoio ao cine propio, o programa El séptimo vicio de Radio 3 emitirá en directo o 14 de marzo dende o CGAI unha entrevista con Xacio Baño, quen falará do proceso creativo de Trote, a súa última produción con Celso Bugallo, María Vázquez e Tamara Canosa de protagonistas, que estreará en breve.