A Filmoteca de Galicia retoma a programación de sala tras a súa reforma con ciclos sobre o labor dos arquivos fílmicos, o son no cinema e Chaplin

—    A carteleira bimestral da cinemateca da Xunta inclúe tamén retrospectivas sobre a cineasta alemá Helke Misselwitz e o documentalista portugués António Campos, así como unha homenaxe ao Oleksandr Dovzhenko National Center de Kíiv coa proxección de dous clásicos do cine ucraíno

A Filmoteca de Galicia retoma a programación de sala tras a súa reforma con ciclos sobre o labor dos arquivos fílmicos, o son no cinema e Chaplin

A Coruña, 27 de setembro de 2022.- A Filmoteca de Galicia volveu recibir esta tarde o público na súa sala José Seller da Coruña, tras rematar as obras de reforma deste espazo e da cabina de proxección acometidas pola Xunta por valor de 138.000 euros. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta sesión inaugural, na que se exhibiron as películas Tres, do realizador barcelonés Juanjo Giménez, e El moderno Skerlock Holmes, un dos clásicos de Buster Keaton.

 

O director de Tres interveu tamén na presentación do seu filme, coproducido por Frida Films co apoio da Xunta, que inclúe unha escena rodada precisamente na sala da cinemateca galega antes do seu reacondicionamento. A película insírese no ciclo Ars sonora, que a Filmoteca lle dedica ao son no cinema como parte da nova programación bimestral que desenvolverá ata finais de outubro e que será de acceso gratuíto como xeito de celebrar co público o regreso das proxeccións á José Seller.

 

Ademais de Tres, película sobre unha sonidista que comeza a escoitar cun progresivo retardo, Ars sonora inclúe títulos como La conversación, de Francis Ford Coppola (5 de outubro); Impacto (Blow out), de Brian de Palma (día 11); Memoria, do prestixioso realizador tailandés Apichatpong Weerasethakul (día 13), ou Geographies of solitude, da documentalista canadense Jacquelyn Mills (día 25).

 

Conservación e restauración

Así mesmo, a carteleira de setembro e outubro concederalle especial atención ao labor dos arquivos fílmicos a prol da salvagarda, difusión e exhibición do patrimonio cinematográfico. Con este fío condutor e baixo o título A casa do cinema, ofreceranse diferentes documentais ao redor da historia deste tipo de entidades e tamén pezas sobre a conservación do material de arquivo, que serve en moitas ocasións para crear obras novas. É o caso da sesión deste venres, titulada Films Granel, que servirá para presentar a restauración das fitas do pintor Eugenio Granell.

 

A nova programación da Filmoteca de Galicia inclúe, así mesmo, retrospectivas sobre a Charles Chaplin, António Campos e Helke Misselwitz conformadas por películas restauradas ou recuperadas por filmotecas de todo o mundo. No caso de Chaplin, proxectaranse Al sol e El chico (1 de outubro); Vacaciones, Día de paga e El peregrino (día 4); Una mujer de París (día 8; La Quimera de oro (día 15), El circo (día 22) e Luces de la ciudad (día 29).

 

Da directora alemá Helke Misselwitz, exhibiranse en colaboración co festival Play-Doc obras como Adiós, invierno (mañá, mércores 28 de setembro), 35 fotos e La Familia Marx (11 de outubro) ou Spermüll (20 de outubro). Pola súa banda, a mostra sobre o documentalista luso António Campos recolle fitas como Vilarinho das Furnas (4 de outubro), A Almadraba Atuneira (día 5) ou Histórias Selvagens (día 27), que se proxectan na Coruña coa colaboración da Cinemateca Portuguesa.

 

Homenaxe ao cine ucraíno

Ademais, con motivo da celebración o 27 de outubro do Día Internacional dos Arquivos Fílmicos, dedicaráselle a derradeira semana dese mes a películas que xiran ao redor do importante labor destas entidades, incluíndo unha homenaxe especial ao Oleksandr Dovzhenko National Centre de Kíiv, o principal arquivo fílmico de Ucraína. Programaranse  con tal motivo dous clásicos do cinema deste país durante a época soviética: El hombre de la cámara, de Dziva Vertov (26 de outubro), e La Tierra, do Oleksandr Dovzhenko (27 de outubro).

 

A carteleira da Filmoteca complétase coas proxeccións de pezas do coruñés Alberto Vázquez, do que se poderán ver fitas como Psiconautas, Los niños olvidados, Birdboy ou Decorado en sesións que contarán coa súa participación os días 14 e 18 de outubro, e cos pases enmarcados nas sección habituais Off Galicia, Filmoteca Jr. ou Desencadres.