Ir o contido principal

Desde o venres, os mellores retratos da muller xaponesa por Kenji Mizoguchi

  • O ciclo está centrado en oito películas dos anos cincuenta da súa etapa de madurez, nas que reflexa a gueixas, prostitutas, emperatrices e outras mulleres caracterizadas con mimo e complexidade
  • Inclúese no foco a estrea en España de tres novas restauracións en 4K levadas a cabo pola Kadokawa Corporation e a Film Foundation de Martin Scorsese
Desde o venres, os mellores retratos da muller xaponesa por Kenji Mizoguchi

Iniciamos este venres un ciclo dedicado ao nipón Kenji Mizoguchi, un dos mellores directores da historia do cine xaponés clásico, seguramente o máis grande xunto a Akira Kurosawa e Yasujiro Ozu. Centrámonos precisamente na súa etapa de madurez, os anos cincuenta, ofrecendo a estrea en España de tres novas restauracións en 4K levadas a cabo pola Kadokawa Corporation e a Film Foundation de Martin Scorsese: Cuentos de la luna pálida, El intendente Sansho e Los amantes crucificados.

Quizais as películas máis coñecidas do de Toquio, esta pequena mostra serve de exemplo da súa solvencia no jidaigeki, os fastuosos filmes de época que tanto gustan en Occidente. Mais quen busque o bater das catanas dos samurais ficará desconcertado ante os filmes recollidos e os conflitos máis internos de Mizoguchi, que teñen moi habitualmente a mulleres fortes coma protagonistas dos seus relatos.

Nisto o autor foi moi adiantado ao seu tempo. Como explica o crítico Dario Tomasi, Mizoguchi “denuncia abertamente as condicións de explotación e marxinación das que a muller é vítima por mor dunha sociedade patriarcal que conseguiu reproducirse, malia os notables cambios que, noutros aspectos, Xapón experimentou desde a Idade Media ata anos da segunda posguerra”1.

 

Sorpresas dentro dunha traxectoria coñecida

Se ben Cuentos de la luna pálida ou El intendente Sansho serán filmes de sobra coñecidos para o cinéfilo un pouco experimentado e o valor do ciclo será descubrilos en sala con copias prístinas recentemente restauradas, o foco agocha outros títulos non tan obvios que transitan polas mesmas coordenadas. En ambientacións similares se move La emperatriz Yang Kwei-Fei, unha das dúas únicas películas en cor que dirixiu Mizoguchi, sobre o amor entre o emperador Huan Tsung e unha moza plebea.

E do lado das gendaigeki, de ambientación contemporánea, o ciclo recunca en profesións como as das gueixas ou a prostitución, ás que o realizador volveu unha e outra vez en títulos coma Los músicos de Gion ou La mujer crucificada, e que intentou plasmar con absoluta perfección e detalle na que sería a súa última cinta, La calle de la vergüenza. Todas elas, xunto a La señorita Oyu, compoñen un foco cun total de oito filmes que poderá verse desde este venres 18 de xaneiro ata o vindeiro 13 de febreiro.

__________

1Bellezza e crudeltà. Il cinema di Kenji Mizoguchi, Cineteca del Comune di Bologna, I quaderni del Lumière núm. 31, febreiro do 2000.

Fotografías © Collection cinémathèque suisse