A carteleira de abril da Filmoteca de Galicia ofrece as últimas sesións dos ciclos sobre os cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai

  • Os filmes da pioneira Dorothy Davenport Reid e da artista multidisciplinar Nancy Holt serán tamén parte central da programación que se desenvolverá durante todo o mes na sala José Sellier da cinemateca da Xunta

 

A carteleira de abril da Filmoteca de Galicia ofrece as últimas sesións dos ciclos sobre os cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai

A Filmoteca de Galicia estrea este mes a súa nova denominación oficial, baixo a que continuará desenvolvendo tanto o seu labor de recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio audiovisual como a actividade de exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña, bautizada co nome de José Sellier en homenaxe a esta figura pioneira do cinema en Galicia. Nela programaranse 19 novas sesións ata finais de abril, entre as que se atopan os últimos filmes dos ciclos da cinemateca da Xunta sobre os icónicos cineastas Mani Kaul e Wong Kar-wai.

 

A nova carteleira arranca mañá con dúas fitas de Mani Kaul, un dos principais representantes do novo cinema indio: Arrival e Drhupad. O especial que se lle está a dedicar desde o mes pasado, en colaboración coa Filmoteca de Catalunya e co Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB), concluirá cos filmes Ghashiram Kotwal (día 13) e Siddeshwari (día 20). Todos os filmes contarán coa presentación, en conexión virtual, de Francisco Algarín Navarro, comisario do ciclo xunto a Gonzalo de Lucas, ademais de seren proxectados con subtítulos en galego.

 

Nos vindeiros días rematará, ademais, o percorrido pola filmografía de Wong Kar-wai con motivo do vinte aniversario da estrea de In the Mood for Love, unha das fitas con maior recoñecemento e repercusión internacional do director hongkonés. Coa súa proxección este mércores iníciase precisamente a recta final do ciclo, que a Filmoteca de Galicia pechará con dous pases de 2046 programados para o 14 e o 15 de abril.

 

Tamén ten continuidade en abril o programa Olladas de muller, que a cinemateca organiza cada ano en colaboración co Consello da Cultura Galega con motivo da celebración en marzo do Día Internacional da Muller. Dentro del, o xoves 8 proxectarase o documental Una niña (Petite Fille), do francés Sébastien Lifshitz, e o venres 9 Beginning, ópera prima da realizadora xeorxiana Dea Kulumbegashvili e a gran vencedora na pasada edición do Festival de San Sebastián con catro premios: Concha de Oro á mellor película e Concha de Plata á mellor dirección, guión e actriz.

 

Mulleres pioneiras

Tomarán o testemuño destes ciclos os dedicados ás filmografías da pioneira do cinema Dorothy Davenport Reid e da artista multidisciplinar Nancy Holt. O primeiro deles arrancará coa exhibición de tres dos filmes da actriz, guionista, directora e produtora estadounidense Dorothy Davenport, quen desenvolveu a meirande parte das súas producións entre os anos vinte e trinta do século pasado, especialmente no cinema mudo: The Woman Condemned (día 22), Red Kimona (día 27) e Linda (día 30).

 

Así mesmo, a través da súa sección Desencadres e en colaboración co Festival Internacional de Cine Documental de Navarra Punto de Vista, a Filmoteca de Galicia achegarase á obra fílmica experimental da creadora norteamericana Nancy Holt, que ao longo da súa carreira combinou a escultura, a instalación e o Land Art coa fotografía, a arte sonora e o cinema. Nas nove pezas que se exhibirán entre o 28 e o 29 de abril reflíctese unha das características comúns dos seus traballos, cunha gran capacidade para transformar a percepción da paisaxe a través de diferentes modos de observación.

 

Cinema galego presentado polos seus autores

Na carteleira de abril da Sala José Sellier tamén haberá lugar para dúas novas entregas de Off Galicia, con presentacións a cargo dos seus autores: o documental Dorothé na vila, por Alejandro Gándara e Olaia Tubío, o sábado 10, e Selected Milk, por María Meseguer, Alfonso Camarero e José Luis Ducid, o sábado 24.

 

Completan a programación as novas sesións das seccións habituais CGAI Júnior co clásico da animación xaponesa Mi vecino Totoro, de Hiyao Miyazaki, que se pasará o día 17, e Fóra de Serie con Sole, de Carlos Sironi, o día 16, e Crash, a mítica fita de David Cronenberg, os días 21 e 23.