O documental: a realidade e os seus simulacros (ao redor do cine de non ficción)

O documental: a realidade e os seus simulacros (ao redor do cine de non ficción)

  • Do 17 outubro ao 7 novembro de 2003

    Centro Galego de Artes da Imaxe. A Coruña

Maltratado industrial e teoricamente durante boa parte da historia do cine, condenado ás marxes desta a pesar das súas decisivas achegas semánticas e estilísticas —moitas das cales acabarían por incorporarse, despois dun oportuno filtrado, aos filmes de ficción—, o cada vez máis creativo e confuso territorio do cine documental (ou, máis apropiadamente, de “non ficción”) presenta desde hai tempo un inusitado interese que se manifesta en España, por exemplo, no notable éxito de crítica e (en ocasións) de público de filmes tan diferentes e relevantes como Asaltar los cielos, de José Luis López Linares e Javier Rioyo, Tren de sombras e En construcción, de José Luis Guerin, La espalda del mundo, de Javier Corcuera ou Monos como Becky, de Joaquín Jordá.Continuando o camiño aberto o ano pasado co adicado ás “Tradicións populares no cine español”, o Centro Galego de Artes da Imaxe proponse mediante o presente seminario abrir vías de coñecemento, intercambio de ideas e discusión sobre un dos máis fascinantes territorios fílmicos, aquel que, partindo do chamado documental clásico (de Flaherty a Grierson...) e atravesando a modernidade (de Rouch e Wiseman a Claude Lanzmann...) acabará no seu período de maior autoconsciencia e reflexividade por facer colisionar “documental” e “ficción” —por máis que sexa ardua e complexa a definición teórica de ambos os conceptos no noso ámbito— ofrecendo suxestivas experiencias que, a falta de ulteriores axustes, poderiamos cualificar como documentais subxectivos, cine-poemas, falsos documentais, filmes-ensaio, películas de “metraxe encontrada”, etc.Estas e outras cuestións (a transcendencia e evolución do documental social e político desde os anos sesenta, o extraordinario interese do documental español, o NO-DO e a súa repercusión no imaxinario do público popular durante a ditadura franquista, etc.) serán discutidas en tres mesas, nas que participarán cineastas, historiadores e analistas, ao longo de tres venres durante os meses de outubro e novembro.