Ir o contido principal
Master Class de Jem Cohen 18 de febreiro de 2010

Master Class de Jem Cohen 18 de febreiro de 2010

  • Do 18 febreiro ao 18 febreiro de 2010

Organiza:
Xunta de Galicia
Secretaría Xeral de Medios
Centro Galego de Artes da Imaxe

Colabora:
Fundación Caixa Galicia

Lugar de celebración:
Auditorio da Fundación Caixa Galicia
Cantón grande, 21-24
A Coruña

Horario:
17.00 - 19.00 h
Servizo de tradución simultánea dispoñible

Entrada libre previa inscrición

Información e inscricións:
difusion@cgai.org
www.cgai.org
Tel.: 881 881 260
Fax: 881 881 271

Coincidindo co ciclo que se lle dedica ao longo dos meses de febreiro e marzo de 2010, o CGAI organiza esta Master Class na que Jem Cohen afonda no seu traballo como cineasta.

A Master Class de Jem Cohen abordará o tema do documental como unha forza lírica. Cohen demostrará e argumentará a maneira en que a información do mundo actual se pode converter na base para películas que están na encrucillada dos xéneros documental, narrativo e experimental. O enfoque de Cohen con respecto ao documental anima a romper coas limitacións tradicionais a través dunha serie de preguntas: os filmes políticos deberan adoptar formas radicais?, pode unha película ser un tipo de música?, cal é o papel do documental fóra da corrente principal do cine, pode ser ao tempo accesible e subversivo? A clase estruturarase como un debate ilustrado, empregando curtas e extractos das películas urbanas de Cohen e filmes musicais incluíndo NYC Weights and Measures, Instrument (Fugazi) e a recente curta, Night Scene New York.

Jem Cohen
Estadounidense nado en Cabul (Afganistán) en 1962, Jem Cohen comeza a filmar en formatos subestándar a principios dos anos oitenta do secúlo pasado. A súa forma de traballo rapidamente o achega ao campo do vídeo musical, onde se converte no director ou parte importante das mellores pezas visuais de formacións e artistas como REM, Sonic Youth, Fugazi e Patti Smith. Crecido en Washington pero criado culturalmente nas rúas de Nova York, Cohen practica un cine underground en espírito, formas e medios, capaz de combinar a textura do Súper 8 e o 16 mm co ruído do vídeo, dixital ou analóxico, nunha obra de clara inspiración independente. Documentais, travelogues, ensaios e vídeos musicais (que non videoclips) mestúranse nunha obra tan fotográfica como musical e política, auténtica rebeldía punk levada ao cine.