EXTRATERRITORIAL, VANGARDA, EXPERIMENTAL: O OUTRO CINEMA ESPAÑOL  9 e 10 de xullo de 2007

EXTRATERRITORIAL, VANGARDA, EXPERIMENTAL: O OUTRO CINEMA ESPAÑOL 9 e 10 de xullo de 2007

  • Do 9 xullo ao 10 xullo de 2007

ORGANIZA:
Secretaría Xeral de Comunicación
Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Centro Galego de Artes da Imaxe

Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación
Aula de Cinema e Imaxe
Universidade da Coruña

Director do Seminario: José Luis Castro de Paz (Profesor Titular de Comunicación Audiovisual. Universidade de Vigo)

Asesores científicos: Julio Pérez Perucha (Presidente da Asociación Española de Historiadores do Cine) e Santos Zunzunegui (Catedrátido de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco).

A pesar das extremadamente complexas circunstancias históricas que atravesaron o cinema hispano durante o seu longo século de existencia, non faltan tendencias e exemplos senlleiros que, apartándose da narratividade que caracteriza(ba) o groso da produción, van construíndo as densas marxes do edificio narrativo-institucional; outro cine español, en definitiva e segundo os casos, vangardista, marxinal, estrutural, experimental, materialista, reflexivo, ensaístico... En calquera caso, sempre extraterritorial, a contracorrente, distinto da(s) práctica(s) ao uso, á marxe -case sempre de maneira absoluta- da senda pola que circulaba o resto da nosa filmografía. Sen pégas de ningún tipo, o seminario que presentamos pretende reflexionar sobre as modalidades históricas e formais das nosas extraterritorialidades, sexan estas da maneira que sexan, tendo como único límite o pertencer ao -digámolo así- territorio do "non narrativo". Conformado ao redor de cinco mesas agrupadas en torno a diferentes eixes (O cinema español e as vangardas históricas; Ensaio e reflexividade no cine español; Cinema e outras prácticas artísticas; Conceptuais, situacionistas e demais ralea e Emendas á totalidade), nas que participarán cineastas, historiadores e analistas, nelas terán cabida desde os insignes representantes da vangarda española (con Luis Buñuel e Val del Omar como centros de atención prioritarios, aínda que non únicos) ata os novos cineastas que, como Marc Recha, se aproximan hoxe ao cine coa liberdade do ensaísta, coa intimidade do autor dun diario filmado. Entre eles, e ao longo dunhas décadas de notable actividade desde os anos sesenta do pasado século, "independentes" como Adolfo Arrieta ou Álvaro del Amo, arquitectos como Ricardo Bofill, pintores como José Antonio Sistiaga ou músicos como Carles Santos investigan as múltiples posibilidades artísticas e discursivas do medio cinematográfico á marxe de toda convención narrativa e, como é lóxico, en frontal oposición á ditadura franquista. Personalidades e obras como, entre outras, as de Eugeni Bonet ou Javier Aguirre, como as de Antoni Padrós ou Pere Portabella, constitúen -apoiadas polo ciclo de películas que acompaña ao seminario- pezas senlleiras destas prácticas fílmicas alternativas, e a súa presenza e participación unha ocasión única para ver e coñecer o outro cine español.

INFORMACIÓN E MATRÍCULA:

CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE
rúa Durán Loriga, 10 baixo
15003 A Coruña
Te.: 981 203 499
e-mail: difusion@cgai.org
www.cgai.org

VICERREITORÍA DE EXTENSIÓN UNIVERSITARIA E COMUNICACIÓN
A Maestranza, 9, 1º andar
15001 A Coruña

OFICINA DA ÁREA DE CULTURA
Casa do lagar, s/n
Campus de Elviña
15071 A Coruña
Tel.: 981 167 000 (ext. 1962 /3697)
e-mail: aulacine@udc.es
www.extension.udc.es

PRAZAS: 100
PREZO: 30 €
LUGAR DE CELEBRACIÓN: Paraninfo da Reitoría. Universidade da Coruña e Centro Galego de Artes da Imaxe