Ir o contido principal
Cine e modernidade: as transformacións da percepción

Cine e modernidade: as transformacións da percepción

  • Do 26 xuño ao 26 xullo de 2007

    Centro Galego de Artes da Imaxe

O cine non naceu unicamente como resultado dunha serie de transformacións tecnolóxicas senón como un medio de expresión situado no interior dun mundo no que se estaba a transformar a mirada, no que cambiaban as formas de percepción e no que se establecía unha nova dialéctica entre o tempo e o espazo. Un tempo no que xurdían novas formas de ocio e se establecía unha nova cultura do traballo. Co obxectivo de reflexionar sobre cal é o papel que o cine tivo no interior desta modernidade o seminario partirá dun dobre xogo. Por un lado, a idea de modernidade remítenos ao proceso de emancipación do individuo como ser racional e cara a unha certa evolución do coñecemento humano como camiño cara ao progreso. Por outro lado, o concepto de modernidade no territorio das artes estivo definido polo poeta Charles Baudelaire a partir da idea de que a vida moderna xerou unha nova relación estética froito das relacións que o artista establece co mundo continxente e efémero. Desta forma o cine encóntrase nun cruce de modernidades, pois é froito do progreso científico e sitúa a súa mirada dentro dun mundo en transformación, co fin de momificar a beleza dos instantes evanescentes.

ORGANIZA:
Secretaría Xeral de Comunicación
Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Centro Galego de Artes da Imaxe

Colabora:
Museo del Cinema Girona