Cartoon Master Future 2006

Cartoon Master Future 2006

  • Do 20 abril ao 22 abril de 2006

O 20 de abril inaugurouse en Vigo a IV edición dos cursos especializados “Cartoon Master Future” para debater o futuro da animación e dos novos medios dixitais. Estas xornadas estiveron organizadas pola Asociación Europea de Animación Cartoon e o Programa MEDIA da Unión Europea en colaboración coa Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e do Centro Galego de Artes da Imaxe e a Obra Social Caixanova.

O “Cartoon Master Future” de Vigo centrou a súa análise nos retos da globalización da imaxe dixital e, durante tres días, foi punto de encontro e intercambio de experiencias por parte de diferentes profesionais de avalado prestixio internacional.

As xornadas estruturáronse en torno a tres eixes: a produción en Alta Definición, a televisión do futuro e os últimos avances en efectos visuais. Especialistas nestas tres áreas analizaron os revolucionarios cambios tecnolóxicos que abren múltiples posibilidades de difusión e consumo de contidos, modificando os sistemas de produción establecidos até agora e introducindo novos axentes que amplían as posibilidades de mercado. O programa, ademais de afondar nos anunciados cambios tecnolóxicos da Alta Definición, examinou a entrada de novos operadores nos mercados emerxentes da televisión e das plataformas móbiles.

Como en cada edición, o “Cartoon Master Future” permitiu coñecer os últimos avances tecnolóxicos no campo da imaxe de síntese grazas aos relatorios dos representantes dos principais estudos europeos e americanos de efectos visuais, como Digital Domain, Rhythm & Hues, Double Negative e Ranchito, responsables de traballos como Las crónicas de Narnia, Harry Potter, Batman Begins… ao mesmo tempo que se analizaron algúns programas como “Shave and a Haircut” —empregado en películas como King Kong, Underworld 2 ou X-Men 2— e “SyFlex”, simulador nominado aos Oscars na categoría técnica.

O programa complementouse con presentacións de Sony, empresa líder mundial en entretemento dixital, deseñador e editor de contidos e equipamentos de alta tecnoloxía, ademais de proxeccións de curtametraxes 3D e de Renaissance, unha longametraxe futurista de animación rodada en branco e negro, producida polo estudo francés Attitude Studio.

O Cartoon Master Future celebrouse no Centro Social de Caixanova en Vigo entre o 20 e o 22 de abril. Este curso especializado empraza a Galicia no calendario de eventos formativos de alto nivel internacional. Nesta edición 123 profesionais de 14 nacionalidades diferentes intercambiaron experiencias e mostraron as últimas innovacións no campo da imaxe dixital.

Este máster englóbase dentro do programa de promoción e formación do audiovisual deseñado pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.