Ir o contido principal
Andrei Tarkovski. Fidelidade a unha obsesión 19 e 20 xuño de 2008

Andrei Tarkovski. Fidelidade a unha obsesión 19 e 20 xuño de 2008

  • Do 19 xuño ao 20 xuño de 2008

    Centro Galego de Artes da Imaxe

En poucos autores encontramos tan xustificada a necesidade dunha poética como no cineasta ruso Andrei Tarkovski (1932-1986), quen en tan só sete longametraxes construíu un universo trabado de imaxes, dúbidas onde o tempo xoga a favor. Acusado de autor difícil, hermético ou duro, a súa obra ou campo mágnetico crece co tempo; son invitacións que adquiren actualidade en cada visionado, ao seren exemplos exactos de obras abertas onde o público participa nas imaxes dese soño dirixido que é o cine. Neste curso ofrécese a posibilidade de percorrer a totalidade da súa obra como medio de investigar sobre a extrema coherencia que produce o desenvolvemento cómplice da súa estética. Os temas das súas películas aparecen con claridade obsesiva cando se poden observar nesta proximidade temporal, aínda que desde a súa primeira película ata a última transcorran case trinta anos. O complemento de estudo dos seus textos e diarios, así como documentais e curtametraxes, axudan a completar o mosaico construído por un dos cineastas máis importantes do século pasado.

Andrei Tarkovski (1932-1986) é un dos mestres máis admirados da Historia do cine. Autor dunha obra breve -sete longametraxes e tres curtas-, única e fascinante, enfróntase a constantes dificultades e incomprensións que o levan a un amargo exilio final. Moi influído pola tradición espiritual e populista rusa, mesmo cineastas como Dovzhenko, alleo a termos como experimental ou vangarda, a súa escritura fílmica devén minuciosa, perfeccionista, produto dunha procura e insatisfacción constante, ao tempo que suxeita a unha ampla hermeneútica. Fillo dun poeta, estudante no célebre centro de formación soviético VGIK, tamén instruído en linguas orientais, música e pintura, fugaz xeólogo en Siberia, cheo sempre de proxectos –polo camiño van quedar proxectos de daptacións de Dostoievski, Mann, La peste de Camus, Tolstoi, Bulgakov e ata as experiencias místico-perceptivas de Carlos Castaneda- o cine de Tarkovski incorpora poesía e pensamento mentres a través dunha imbiose de elementos naturais e sólida construción iconográfica, con tempos e espazos que se sobredimensionan, adquire a condición de itinerario existencial. Nos últimos anos a publicación de moitos dos seus textos (guións, conferencias, leccións, diarios) e a presenza de numerosos documentais e filmes sobre a súa figura, revitalizan máis se cabe a proteica dimensión do seu legado.

Coordinadores:
Miguel Ángel Ramos e Alberto Ruiz de Samaniego

Organiza:
Secretaría Xeral de Comunicación
Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
Centro Galego de Artes da Imaxe

Colabora:
Casa das Campás / Universidade de Vigo

Prazas: 100